domingo, 17 de novembro de 2019

BABESIOSE

Definición

A babesiose é unha enfermidade infecciosa causada por protozoos do xénero Babesia, os cales son transmitidos por garrapatas e atacan aos glóbulos vermellos. Caracterízase por presentar febre e anemia hemolítica, podendo ser simplemente unha infección asintomática ou chegar a ser fulminante e provocar a morte. 

Signos e síntomas

Os síntomas adoitan comezar de 1 a 4 semanas despois da picadura da garrapata infectada ou de 1 semana a 6 meses tras recibir unha transfusión con sangre contaminada, e poden durar entre 1 e 2 semanas. En inmunodeprimidos ou en persoas de idade avanzada pódense dar infeccións máis graves e prolongadas con recaídas, precisando ingreso hospitalario. Entre os síntomas máis comúns están:
- Febre, sudor e escalofríos
- Malestar e fatiga
- Cefalea, mialxia e artralxia
- Tos seca
- Náuseas
- Anorexia

Babesia no interior dos glóbulos
vermellos nunha mostra de 
sangue tintada con Giemsa.
Diagnóstico

Débese sospeitar de babesiose en pacientes que presenten un cadro febril inexplicable e que estiveran recentemente nunha zona endémica de Babesia ou que recibiran algunha transfusión de sangre durante os 6 meses anteriores. Realízanse análisis para detectar anemia hemolítica, trombocitopenia e un número de leucocitos normal ou menor do habitual. As tincións de Giemsa e Wright para frotis sanguíneos identifican os parásitos no interior dos glóbulos vermellos. A reacción en cadena da polimerasa pode confirmar o diagnóstico ao detectar ADN de Babesia no sangue do paciente. Os análisis serolóxicos tamén resultan útiles para a confirmación do diagnóstico.

Tratamento

O tratamento para este trastorno consiste na administración de axentes microbianos, atovacuona e azitromicina, durante 7-10 días. En pacientes con babesiose graves recoméndase quinina oral e clindamicina intravenosa. Nos casos máis graves precisaríase unha transfusión de intercambio parcial ou completa. Os pacientes inmunodeprimidos poden precisar terapias antimicrobianas de ata 6 semanas de duración se a infección persiste ou recidiva.
Ademais, para previr esta enfermidade, é importante evitar as zonas con presencia de garrapatas, realizar comprobacións en busca de garrapatas no corpo e usar roupa protectora e produtos repelentes.

Pronóstico

O pronóstico vai depender da especie de Babesia que actúe e da saúde do individuo sobre o que esta actúe, sendo moi bo en persoas inmunocompetentes.

Prevalencia: <1/1000000, predominando en EEUU.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

ACALASIA IDIOPÁTICA

Definición Trastorno motor esofáxico primario que presenta unha pérdida de peristalsis esofáxica e unha relaxación non eficaz do esfínter ...